O capitalismo é o problema

This is the Galician translation of the Spanish leaflet El capitalismo es el problema distributed by the Galician Marxists of El Militante

A marea negra do petroleiro Prestige é un desastre ecolóxico, económico e social.

É un desastre ecolóxico porque as súas consecuencias para a vida mariña son gravísimas e perdurarán durante anos. É un desastre económico porque a pesca e o marisqueo son o medio de vida directo (pescadores e mariscadores) ou indirecto (industria da conserva, transportistas, etc) de milleiros de persoas en Galiza, que de repente vense privadas do seu sustento. E é un desastre social precisamente a causa de todo o anterior.

Pero as mareas negras non son accidentes naturais. As bandeiras de conveniencia, os barcos vellos en mal estado, a limpeza ilegal de tanques en mar aberto, o incumprimento da lexislación, etc. son actuacións motivadas polo afán depredador dos capitalistas, que só perseguen a obtención do máximo beneficio. Os intereses das compañías petroleiras e das mafias que se dedican ó transporte antepóñense ós intereses da maioría da sociedade.

Esa mesma preocupación pola rendibilidade económica guía toda a política do PP, tanto desde o Goberno como desde a Xunta, tanto no que se refire ás mareas negras como en política educativa, sanitaria, laboral, de vivenda, etc. Os traballadores e a mocidade non podemos esperar outra cousa da dereita que non sexa a defensa dos intereses dos empresarios. Ós feitos remitímonos: a falta de medios para combate-la marea negra é escandalosa (os quilómetros dispoñibles de barreiras anticontaminantes a penas chegan a nada e outros medios brillan pola súa ausencia), pero esto non é ningunha casualidade. Xa dixo López Veiga, conselleiro de Pesca, que non se vai ter un barco anticontaminante para un accidente cada dez anos. Ou sexa, como é un investimento ó que non se lle vai tirar beneficio, non paga a pena. Se o PP segue este fío argumental, calquera día proporá a desaparición do servicio de bombeiros. O PP chora bágoas de cocrodilo.

Pero ademais da total ineficacia do Goberno e da Xunta, tamén hai serias responsabilidades políticas. O PP está mentindo, enganando e manipulando a información coma nos mellores tempos do franquismo, algo que xa vimos na folga xeral do 20 de Xuño. ¡Hai que ter cara para dicir que non hai marea negra! É preocupante a deriva autoritaria do PP: nestes últimos días prohibiu unha manifestación en Madrid contra a Lei de "Calidade" do Ensino e en Málaga houbo unha carga policial salvaxe contra os xornaleiros que reclamaban os dereitos anulados polo decretazo.

Os marxistas de EL MILITANTE facemos un chamamento a tódolos traballadores e mozos para acudir á manifestación do domingo 1 en Santiago, para reclamar axudas suficientes e polo tempo necesario para tódolos afectados pola marea negra e esixir a adopción de medidas preventivas no tocante ó tráfico marítimo e o establecemento nun porto galego dunha dotación completa dos medios anticontaminantes máis modernos que permitan unha actuación rápida e efectiva perante estas situacións.

Pero tamén hai que poñer límite á dictadura do mercado, que só entende de beneficios e condena á marxinación a centos de millóns de seres humanos. Mareas negras como esta, o cambio climático, a miseria, as doenzas e o sufrimento de centos de millóns de seres humanos están causados en última instancia pola propiedade privada dos medios de producción e a distribución inxusta da riqueza que a clase obreira crea co seu traballo, é dicir, polo capitalismo, como pode verse claramente en Arxentina, un país rico e un dos maiores exportadores de alimentos do mundo pero no que hoxe os nenos morren á fame. Por iso, a única maneira consecuente de evitar no futuro situacións como a creada polo Prestige é transformar a sociedade, para rematar con este sistema bárbaro e inxusto, porque a maior ameaza para o benestar e a saúde das persoas e do medio ambiente en todo o planeta é precisamente a existencia do capitalismo.

¡Únete ós marxistas de EL MILITANTE para loitar pola transformación socialista da sociedade!